A Asociación de Empresarios de Chantada e CCA Ribeira Sacra apoian os cortes da N-540 do 4, 11 e 26 de abril en protesta polo seu estado.
Os venres 4,11 e 26 de abril, no punto kilométrico 51 da N-540 (á altura da subestación, en Merlán), está convocado un corte da estrada ás 11 horas para protestar polo mal estado da vía. Os cortes durarán 15 minutos e tentarán chamar a atención sobre as fochancas, gretas, falta de sinalización e pouca iluminación da estrada. Dende a Asociación de Empresarios de Chantada e CCA Ribeira Sacra apoiamos firmemente esta iniciativa e participaremos nos cortes, xa que o estado da Nacional 540 afecta de xeito direto a todo o tecido empresarial e comercial da vila.
En decembro de 2023 xa se fixera unha movilización para exixir o arranxo da estrada nacional, ademáis de remitir unha carta ao ministro de Transportes, Óscar Puente, pedindo unha solución definitiva.
O pésimo estado de conservación da Nacional 540 fai que sexa moi perigoso circular por varios tramos, e, malia a movilización de 2023, neste tempo só se acometeron “parches”, sen dar unha solución real ao problema.
Dende a directiva da AECH e do CCA Ribeira Sacra animamos a todos os nosos asociados e asociadas, así como a toda a veciñanza de Chantada, a sumarse a estas mobilizacións.

